A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, sinalou no IV Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación que cinco das solucións desenvolvidas na Civil UAVs Initiative xa se aplican en eidos como a planificación hidrolóxica, do transporte público e de infraestruturas; o control de pragas forestais e a avaliación de franxas antiincendios ou o control da calidade das augas
Galicia é referente en España e pioneira na utilización da compra pública de innovación, e xa se teñen executado máis de 300 millóns de euros mediante este instrumento, destacando fundamentalmente proxectos no eido da saúde e o desenvolvemento de tecnoloxías de sistemas non tripulados
Río de Xaneiro (Brasil), 17 de novembro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, puxo en valor no IV Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta (Foro CPI), que se celebra en Río de Xaneiro, o modelo de éxito da Xunta de Galicia na incorporación nos servizos públicos autonómicos de solucións desenvolvidas mediante Compra Pública de Innovación no Polo Aeroespacial de Galicia.
Nunha charla na que tamén participou Natasha Scaldaferri, asesora xurídica da Institución InovaHC – Hospital das Clínicas do Estado de Sao Paulo, Argerey sinalou que das solucións desenvolvidas dentro do Polo Aeroespacial de Galicia, cinco están xa a utilizarse nos servizos públicos galegos. A incorporación destas solucións na operativa dos servizos públicos supón un investimento de 2,92 M€ e realízase no marco dos contratos subscritos polas empresas adxudicatarias dos proxectos. Tres delas estanse integrando nas infraestruturas que ten a Xunta de Galicia na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O Instituto de Estudios do Territorio (IET), a Dirección Xeral de Defensa do Monte, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e as consellerías do Mar, de Infraestruturas e Mobilidade e de Medio Ambiente son as entidades usuarias destas solucións.
As propostas incorporadas na operativa dos servizos da Xunta abranguen desde a obtención de datos xeorreferenciados con sensores embarcados en sistemas non tripulados, que permiten dispor de información cartográfica de calidade, con boa precisión e actualizada de forma continua, con usos como a planificación hidrolóxica, do transporte público e de infraestruturas, a elaboración de instrumentos de ordenación urbanística e territorial ou o inventariado de bens culturais; o seguimento e control de pragas forestais e a avaliación de franxas antiincendios mediante o uso de drons; ou o control da calidade das augas a partir dun sistema autónomo de recollida de mostras con vehículos autónomos aéreos e mariños, o que permite a Galicia mellorar o cumprimento da directiva europea da auga. O impacto da incorporación das solucións supón un antes e un despois na prestación dalgúns servizos públicos: permite a automatización de procesos, reduce riscos e custos e incrementa a seguridade.
Na folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026 está en marcha unha nova licitación, na que presentaron propostas 28 empresas e centros de coñecemento, para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras para a mellora dos servizos públicos de emerxencias e de xestión dos recursos mariños da Xunta de Galicia. Superada a fase de negociación, convidouse a doce licitadores a presentar a proposta final.
A despregadura das solucións nas Administracións é o ultimo chanzo do proceso de compra pública de innovación, e, tal e como apuntou Argerey, supón transformar os servizos públicos, deixando de relevo o compromiso da Administración pública coa innovación. Neste escenario, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou que Galicia é referente e pioneira na utilización da Compra Pública de Innovación para o desenvolvemento de proxectos. Desde 2014 Galicia ten executado máis de 300 millóns de euros mediante este instrumento en diferentes iniciativas, como o Polo Aeroespacial.
Os proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia desenvólvense mediante instrumentos de Compra Pública de Innovación como a Compra Pública Precomercial ou a Asociación para a innovación, utilizando a capacidade de compra do sector público como instrumento de apoio á innovación. O programa de Solucións 2018-2020 no Polo Aeroespacial de Galicia, incluía 6 licitacións de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora (CPTI), para desenvolver produtos ou servizos próximos ao mercado que desen resposta a retos da Administración como a xestión do territorio, o control da calidade das augas, a xestión forestal ou a das emerxencias no mar.
O Foro CPI, que ten lugar ata mañá, 18 de novembro, en Río de Janeiro, celebrou en Galicia a súa primeira edición en 2018, e nesta está tamén apoiado pola Xunta. No evento danse cita representantes de diferentes administracións públicas responsables de compras e de innovación de diferentes países iberoamericanos para intercambiar experiencias, compartir coñecementos e abordar retos de futuro.