• O 75 % das empresas que concorren á licitación son pemes e un 46,5 % do total son galegas

  • A Xunta investirá 6,5 M€ nesta contratación do Polo Aeroespacial de Galicia coa que se impulsa o desenvolvemento tecnolóxico e posterior despregue de solucións con drons para a mellora da atención das emerxencias sanitarias e sociais, da xestión forestal e dos recursos mariños

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2022.- Un total de 28 empresas, parte delas integradas en consorcios, aspiran a desenvolver as novas solucións con vehículos non tripulados que a Xunta de Galicia incorporará a diferentes departamentos para a mellora da atención das emerxencias sanitarias e sociais, da xestión forestal e dos recursos mariños. Das 28 empresas que presentaron ofertas, o 75 % (21) son pemes, das cales un 46,5 % (13) do total son galegas.

Con esta licitación, o Polo Aeroespacial de Galicia continúa impulsando a colaboración público-privada no eido da innovación e a industria, co obxectivo de propiciar a participación, fundamentalmente de pemes, no desenvolvemento de solucións innovadoras con sistemas non tripulados.

A Xunta de Galicia investirá preto de 6,5 millóns de euros nesta contratación coa que busca impulsar a compra de produtos e servizos innovadores moi próximos ao mercado, que deberán executarse nun prazo de oito meses. Poden partir de resultados intermedios do período anterior do Polo Aeroespacial de Galicia ou doutros avances tecnolóxicos, para a súa incorporación a curto prazo á carteira de servizos do Goberno galego.

Para o lote 1, que busca o desenvolvemento de solucións innovadoras por medio de vehículos non tripulados (UAVs) para a atención sanitaria urxente en tramos de difícil acceso do Camiño de Santiago e noutras contornas rurais, da que será entidade usuaria o 061 Galicia, presentaron propostas Babcock e tres unións temporais de empresas integradas por Imatia Innovation, Aerocámaras e Cartogalicia; UAV Works Group, Aeromedia UAV e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG); e Quaternium Technologies, ATIS Ibérica, Serco e ATT Services. Esta solución permitirá engadir novos medios de atención médica urxente aos servizos públicos galegos, incrementando a capacidade de resposta en patoloxías nas que o tempo de atención pode resultar crítico, como é o caso das paradas cardiorrespiratorias.

Babcock, Indra Sistemas, Abionica Solutions, Vig-Sec Drone, Dronetools, Heligrafics Fotogrametría, European Flyers e a UTE integrada por Quaternium Technologies, ATIS Ibérica, Serco e ATT Devices aspiran a executar o lote 2, que está centrado no desenvolvemento dunha solución innovadora de monitoraxe de zonas forestais para a prevención, extinción de lumes e restauración post-incendios por medio de UAVs.
A entidade usuaria desta solución, que permitirá aumentar a capacidade de prevención e reacción da Xunta de Galicia ante os incendios forestais, será a Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Marine Instruments, Babcock, Indra Sistemas e as UTEs Imatia Innovation, Aerial Works e NTT Data Spain; e Quaternium Technologies, ATIS Ibérica, Serco e ATT Services presentaron propostas para o lote 3. O obxectivo deste contrato, do que será entidade usuaria o servizo de Gardacostas de Galicia, é o desenvolvemento dunha solución innovadora para a vixilancia pesqueira, marisqueira e acuícola por medio de UAVs. O seu uso permitirá mellorar a eficacia e os tempos de resposta das tarefas realizadas polo servizo de Gardacostas.

No lote 4 presentaron proxectos Eulen e as UTEs Aeromedia UAV, Indra Sistemas e Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG); Aerocámaras e TSK Electrónica y Electricidad; e Quaternium Tecnologies, ATIS Ibérica, Serco e ATT Services. As súas propostas deben centrarse no desenvolvemento dunha solución innovadora con UAVs para a localización de persoas extraviadas, da que será usuaria a Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

Finalmente as empresas Eulen e Telespazio Ibérica e as UTEs formadas por Aeromedia UAV e Avansig; Ingeniería Insitu, Sixtema Proyectos de Información e Proyestegal; Ansi, Marine Instruments e Cartogalicia; e Quaternium Technolgoies, ATIS Ibérica, Serco e ATT Devices aspiran a desenvolver o último dos lotes, que ten por obxecto o desenvolvemento dunha solución innovadora para a análise de poboación de semente de mexillón e especies cohabitantes por medio de UAVs. A entidade usuaria desta solución é a Consellería do Mar, a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), e permitirá obter información que facilitará unha xestión máis eficiente de recursos mariños fundamentais para Galicia como é o mexillón.

A fórmula da licitación é a da asociación para a innovación, coa que o Goberno galego consigue un dobre obxectivo: mellorar a eficiencia dos servizos públicos e validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas, pemes e centros tecnolóxicos e de coñecemento, permitíndolles a futuro un mellor posicionamento no mercado global.

Os proxectos serán financiados con fondos React-EU e con fondos propios da Administración autonómica e deberán desenvolverse durante o prazo de oito meses tras a sinatura dos contratos, polo que estarán dispoñibles para o seu despregue nos servizos públicos da Xunta o próximo ano.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.