O aeródromo das Gaivotas, en Cerceda, acolle o lanzamento de Cansat, no que participan 23 equipos e máis de 140 alumnos

O día 26 presentaranse os resultados dos proxectos e revelarase o equipo gañador

Cerceda (A Coruña), 23 de abril de 2024

Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda.

A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Antes de lanzar os satélites, os máis de 140 alumnos participantes comprobaron os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos. A continuación, valéronse de drons para o lanzamento, baixo a coordinación e supervisión de Aeromedia. Finalmente, desprazáronse ata o lugar onde descenderon os artefactos para recuperalos.

Deste xeito, o programa Cansat contribúe a mellorar as competencias científicas do alumnado, ao tempo que os axuda a desenvolverse na resolución de retos tecnolóxicos.

Os centros e equipos participantes son os recollidos na seguinte táboa:

Provincia Concello Centro Equipo
Coruña, A Arteixo IES Manuel Murguía Cosmurguía
Coruña, A Betanzos CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen NOE
Coruña, A Cariño IES Cabo Ortegal PixinSat
Coruña, A Coruña, A CPR Compañía de María CMCSAT24
Coruña, A Ferrol CPR Ayala AyalaSAT
Coruña, A Muxía IES Ramón Caamaño Muxía en órbita
Coruña, A Noia IES Virxe do Mar Lata espacial
Coruña, A Ortigueira IES de Ortigueira TecnoOrtigueira
Coruña, A Pontes de García Rodríguez, As IES Castro da Uz Uzspace
Lugo Burela IES Perdouro Foghete Pataqueiro-73X
Lugo Lugo IES Leiras Pulpeiro LASA/Tecno-Leiras
Lugo Mondoñedo IES Plurilingüe San Rosendo MINDOROCKETSAT
Ourense Gudiña, A CPI Laureano Prieto Club de Ciencias Laureano Prieto
Ourense Ourense IES O Couto As programadoras do Couto/Frutilla
Pontevedra Caldas IES Aquis Celenis AquisSat3/AquisSat4
Pontevedra Vigo IES Álvaro Cunqueiro Panoramix VII/CoiaSat
Pontevedra Vigo IES República Oriental do Uruguai Rousat-1
Pontevedra Vigo CPR Las Acacias Las Acacias SAT
Pontevedra Vigo CPR Montecastelo MontecasteloSAT

Tras o lanzamento de hoxe, o día 26 desenvolverase un evento para presentar os resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.