A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou en Pontevedra a empresa UAV Instruments, especializada en solucións innovadoras no sector dos vehículos non tripulados e que grazas á súa participación neste programa ampliou as súas capacidades operativas

A iniciativa, impulsada pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, obtivo nesta convocatoria o maior número de solicitudes ata a data, e incrementou o seu alcance internacional con propostas de Reino Unido, Singapur, Estados Unidos, Italia, Portugal, Croacia e Uruguai

Comeza o período de selección, que servirá para escoller a un máximo de 3 proxectos na fase de incubación; ata 5 proxectos no itinerario de aceleración e 3 máis para consolidación

Pontevedra, 23 de agosto de 2022.  Un total de 88 proxectos disruptivos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na 4ª edición da Business Factory Aero (BFAero). Trátase do mellor rexistro obtido nas catro edicións do programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

Así o manifestou hoxe a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, durante unha visita realizada á empresa UAV Instruments en Pontevedra. Esta compañía especializada en ofrecer solucións innovadoras no sector dos vehículos non tripulados, participou coa súa plataforma Cíes Solar no itinerario de aceleración da 3ª edición da Business Factory Aero.

Trátase dun vehículo aéreo non tripulado (UAV) de ala fixa deseñado e fabricado integramente en Pontevedra, que destaca pola súa autonomía de voo, que chega ata as 10 horas grazas aos paneis solares situados nas súas ás. A participación na BFAero permitiulles ampliar as súas capacidades operativas en áreas como a detección temperá de incendios, o apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado en operacións especiais ou a localización de persoas extraviadas. Tamén se aplicará na prestación de servizos a empresas privadas, como a vixilancia e inspección de oleodutos e liñas eléctricas.

A directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que un total de 36 proxectos optan a entrar no itinerario de incubación (41 % do total de candidaturas presentadas), 39 no de aceleración (44%) e 12 no de consolidación (14%). Ademais, do total de proxectos candidatos nesta cuarta convocatoria da Business Factory Aero, un 61% son empresas constituídas e un 39% corresponden con ideas de proxectos empresariais.

Patricia Argerey destacou que se ten acadado o obxectivo fixado nesta convocatoria de ampliar o alcance internacional da BFAero, ao recibirse case o dobre de propostas de outros países que na 3ª edición. Do total de proxectos candidatos que optan a entrar na 4ª edición un 11% proceden de Reino Unido, Singapur, Estados Unidos, Italia, Portugal, Croacia e Uruguai. Ademais, recibíronse proxectos de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Canarias, Navarra, Andalucía, Cantabria, Castela e León e Estremadura, ademais de Galicia.

Do mesmo xeito, a área temática que máis solicitudes recolleu foi a de novas aplicacións dos vehículos non tripulados, cun total de 49 proxectos; seguida do desenvolvemento de plataformas e os seus compoñentes, con 23, e novos equipos e sistemas, con 13. Tres dos proxectos teñen un carácter transversal.

Selección de proxectos

Agora procederase á avaliación de cada un dos proxectos presentados. Desta análise sairán os 11 proxectos que se incubarán, acelerarán e consolidarán nesta cuarta edición, que pon a disposición do talento innovador en Galicia o ciclo completo de formación e mentorización, que dará comezo a finais do mes de setembro.

Os 11 proxectos seleccionados accederán a comunidade de empresas da Civil UAVs Initiative, integrada por máis de 50 empresas e centros tecnolóxicos e de investigación; así como aos medios técnicos, servizos e infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e aos proporcionados por outras entidades colaboradoras da BFAero. Tamén disporán de oficina na área de coworking da Fundación CEL, contarán con mentores de prestixio e experiencia no sector aeroespacial e terán contacto con investidores para acadar o máximo apoio económico no desenvolvemento dos seus proxectos.

O itinerario de incubación, dirixido fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial (spin offsstartups e spin outs), terá un máximo de 3 iniciativas participantes durante un período de 12 meses, ofrecendo apoio económico por parte da Axencia Galega de Innovación por valor de 40.000€.

No que respecta ao itinerario de aceleración, haberá ata 5 empresas que xa dispoñan dun produto mínimo viable, que recibirán a formación necesaria durante 8 meses, unha axuda da Axencia de 60.000 euros e un financiamento máximo de 50.000€ por parte de XesGalicia.

A gran novidade será o itinerario de consolidación, dirixido a un máximo de 3 empresas cunha antigüidade máxima de 7 anos con alta capacidade de crecemento internacional. O programa contará cunha duración de 4 meses, co apoio económico da Axencia Galega de Innovación de 30.000 euros e co financiamento de XesGalicia, por importe máximo de 250.000 euros.

Todos os participantes nesta cuarta edición beneficiaranse ademais dun bono de 10.000 euros para empregar servizos e infraestruturas do Polo Aeroespacial de Galicia, nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector.

Esta iniciativa da Xunta de Galicia, orientada a promover a incubación, aceleración e consolidación de empresas innovadoras en Galicia que poidan completar a cadea de valor do sector aeroespacial, xa ten confirmada unha quinta edición para o ano 2023. A BFAero pon a disposición do talento emprendedor os recursos necesarios para a súa potenciación, incluíndo a titorización dos proxectos con apoio permanente e espazo propio na Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.

A BFAero, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación CEL – Iniciativas por Lugo,  constitúe un claro exemplo de iniciativa aberta á colaboración de institucións, empresas e entidades tractoras, o que consolida excelentes resultados a través da fórmula de colaboración público-privada.

As cifras acadadas nesta cuarta edición confirman o interese dun sector especializado como é o aeroespacial e o dos vehículos non tripulados. Nas catro convocatorias realizadas da Business Factory Aero, que supón para os participantes a porta de entrada ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, presentáronse un total de 267 proxectos, dos cales foron incubados e acelerados un total de 19 nas tres primeiras edicións. Ademais nas tres primeiras convocatorias, a BFAero propiciou a creación de 8 startups e un investimento de máis de 5 millóns de euros.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.