O presidente da Xunta asistiu á inauguración da nova sede do Grupo Oesía en Nigrán

Defende o papel da colaboración pública-privada, na que Administración “non debe estorbar”, senón crear un “clima favorable” para que empresas tecnolóxicas se instalen e medren en Galicia “e se proxecten cara ao resto do mundo”

O Goberno galego destinará 26 M€ o vindeiro ano ao Polo Aeroespacial de Galicia para seguir desenvolvendo tecnoloxías e solucións e optimizando recursos e fortalezas

A Xunta lanzará en 2024 o primeiro programa específico de apoio a startups, a través dun investimento de 1,5 M€, e a mesa empresa-innovación entre o sector público, empresarial e os axentes sociais

Nigrán (Pontevedra), 13 de decembro de 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe apoio e facilidades por parte do Goberno galego para crear un “clima favorable” ao desenvolvemento de proxectos innovadores en Galicia co obxecto de consolidala como “referente” en I+D+i.

Acompañado da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, Rueda amosou este compromiso durante a inauguración da nova sede do Grupo Oesía, especializado en enxeñaría tecnolóxica e dixital e que agora contará cun espazo no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial da Zona Franca de Vigo, situado en Nigrán.

Neste senso, o presidente da Xunta asegurou que o Goberno galego leva anos demostrando que se “toma moi en serio” a aposta pola innovación e por impulsar proxectos tecnolóxicos baseados no I+D+i, xa que advertiu que se trata dun campo con “moito futuro”, no que non hai que permitirse “perder ningún tren”.

Así, defendeu que desde a Administración galega se están “dando pasos importantes” para favorecer un “clima favorable” que permita que empresas tecnolóxicas “se instalen e medren” en Galicia. Para conseguilo, puxo en valor o esforzo da Xunta en promover o talento e tamén retelo, co ánimo de que na Comunidade galega se desenvolvan iniciativas neste sector que “xeren valor engadido, e desde Galicia se proxecten cara ao resto do mundo”.

Reforzar o círculo da colaboración público-privada 

Para iso, considerou necesario que as Administracións “non estorben” e reforzar o “círculo da colaboración público- privada”. “Se o facemos xuntos, empresas tecnolóxicas e Administracións podemos chegar a facer cousas moi boas”, aseverou.

Recursos cuantiosos a este eido nos Orzamentos de 2014

En concreto, o mandatario galego fixo referencia a aposta da Xunta por proxectos punteiros neste eido como a Cidade das TIC ou o Polo Aeroespacial de Galicia e amosou a disposición do Goberno galego a seguir apoiando estas e outras iniciativas que fomenten a posta a disposición da tecnoloxía ao servizo da sociedade.

Así, salientou ou esforzo e os “recursos cuantiosos” que o Goberno galego vai destinar a diferentes programas e que van estar recollidos nos Orzamentos de 2024. Precisamente, destinaranse 26 M€ ao Polo para seguir desenvolvendo tecnoloxías e solucións e optimizando recursos e fortalezas para obter máis e mellores produtos e servizos, como os drons que se utilizan para a extinción de incendios ou a busca de persoas desaparecidas como exemplos destas solucións no sector público autonómico.

Ademais, o vindeiro ano o Goberno galego lanzará o primeiro programa específico de apoio a startups, a través dun investimento de 1,5 M€, e a mesa empresa-innovación entre o sector público, empresarial e os axentes sociais para formular e debater plans, instrumentos e medidas de impulso á I+D+i no tecido empresarial.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.