A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou no acto de licenciamento da 5ª edición de Business Factory Aero en Castro de Rei (Lugo)
Aposta por unha política industrial avanzada que vai da man da empresa, da tecnoloxía e do talento que ten a Comunidade
Puxo en valor o papel da aceleradora BFAero como unha “aposta estratéxica” do Goberno galego polo sector aeronáutico e aeroespacial e que consolida a Galicia como referente na aceleración de proxectos tecnolóxicos de alto impacto
Castro de Rei (Lugo), 4 de xuño de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a política industrial da Xunta situará a Galicia á vangarda de Europa no sector da seguridade e da defensa, un sector que, segundo dixo, é “xa unha prioridade estratéxica a nivel europeo”.
Lorenzana participou no acto de licenciamento da 5ª edición da Business Factory Aero (BFAero) en Rozas onde subliñou que o obxectivo do Goberno galego é dar continuidade a esta “política industrial avanzada que vai da man da empresa, da tecnoloxía e do talento que temos en Galicia”, apuntou.
Nesta liña lembrou que, precisamente o pasado mes de maio, a Xunta aprobou a Iniciativa Estratéxica de Aeroespazo, Seguridade e Defensa de Galicia -a primeira destas dimensións- para o período 2025-2030 que canalizará 183 millóns de euros de investimento público directo co obxectivo de mobilizar 900 millóns en Galicia en colaboración con outros axentes públicos e privados.
Na súa intervención, a conselleira tamén puxo en valor o papel da aceleradora BFAero, “unha aposta estratéxica” do Executivo autonómico polo sector aeronáutico e aerosespacial que xa representa en Galicia máis de 1.600 empregos directos, unha facturación de 132 millóns de euros e “cunhas posibilidades de crecemento inmensas”, dixo.
Así, segundo explicou, “desde o ano 2018 apoiamos 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando que se desenvolveran 39 solucións innovadoras”, sinalou. “Pero o máis valioso é a creación de máis de 220 empregos cualificados en Galicia grazas á tracción de proxectos que combinan I+D, visión empresarial e compromiso co noso territorio”, apuntou.
De feito, a conselleira explicou que BFAero revalidou por segundo ano consecutivo o título de mellor aceleradora avanzada de España -segundo o ránking publicado por Funcas- o que “consolida a Galicia como un territorio referente na aceleración de proxectos tecnolóxicos de alto impacto”, dixo.
“E por iso seguimos apostando e hai apenas uns meses asinamos o convenio que garante a continuidade de BFAero ata 2027 cunha dotación de 7,5 millóns de euros máis para impulsar ata 123 novos proxectos”, subliñou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, destacou o papel do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas “que non é só un símbolo do que Galicia e a provincia de Lugo pode ofrecer, senón que é o epicentro dunha estratexia que xa atraeu proxectos grandes e tamén deu visibilidade a empresas galegas que puideron irse consolidando e medrando”, dixo.