O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no acto de presentación da 4ª edición da Business Factory Aero

A aceleradora busca un enfoque máis internacional e, como novidade, establece unha fase de consolidación para empresas galegas do sector con alta capacidade de expansión

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da  cuarta edición da Business Factory (BFAero) na que asegurou que o obxectivo é ensanchar o ecosistema xerado arredor do Polo Aeroespacial de Galicia.

Na súa intervención, destacou que esta iniciativa é posible grazas á colaboración público-privada coa participación do tecido empresarial de Lugo a través da CEL e co apoio dos centros tecnolóxicos e de coñecemento e dos socios estratéxicos da Xunta de Galicia no Polo Aeroespacial.

A aceleradora -que xa contou ata a data con 19 empresas participantes, 60 traballos vinculados e máis de 5M€ de investimento mobilizado- destina 7,2 M€ en fondos públicos para apoiar a 25 empresas do sector entre esta convocatoria e a quinta. O obxectivo é seguir potenciando o ecosistema tecnolóxico no ámbito aeroespacial cun enfoque máis internacional e facer da BFAero un referente da UE de innovación aberta e disruptiva no sector. O prazo da convocatoria estará aberto ata o 15 de agosto.

Cunha fase de incubación de 12 meses á que poderán acceder empresas en fase temperá que se atopen entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio e cunha fase de aceleración de oito meses para proxectos xa existentes con alta capacidade de crecemento, a principal novidade é o establecemento dunha nova fase de consolidación de catro meses dirixida a firmas galegas da industria aeroespacial cunha antigüidade de ata sete anos e que amosen capacidade de expansión.

Conde subliñou que esta iniciativa é unha importante panca de apoio para o Polo Aeroespacial de Galicia, no que xa se están executando 84 M€ de fondos públicos dentro da nova estratexia aprobada para os vindeiros cinco anos. Un investimento ao que Galicia agarda poder sumar fondos europeos Next Generation que asigna o Goberno central para poder mobilizar un total de 540 M€ ata 2025 se forma parte do Perte Aeroespacial.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.