Galicia compartiu neste evento de referencia internacional os avances en I+D aplicada aos vehículos non tripulados desenvolvidos no Polo Aeroespacial

Celebráronse reunións con empresas e institucións abertas a futuras colaboracións cos axentes do ecosistema galego

Empresas e centros tecnolóxicos galegos como Aerotools, PrimeCor e o Instituto Tecnolóxico de Galicia foron protagonistas na zona de exhibicións en Cuatro Vientos con demostracións de uso de tecnoloxías de sistemas non tripulados

Galicia exhibiu na Airspace Integration Week, evento de referencia no sector aeroespacial e dos sistemas e vehículos non tripulados que se celebrou en Madrid esta semana, a competitividade e capacidades do ecosistema aeroespacial, compartindo os avances en I+D aplicada aos vehículos non tripulados desenvolvidos no Polo Aeroespacial e realizando diferentes demostracións de uso na zona de exhibicións da Expodrónica Air Show.

Durante a celebración da Airspace Integration Week, numerosos profesionais e representantes de empresas e institucións visitaron o espazo expositivo do Polo Aeroespacial de Galicia en Ifema, no que estiveron representadas dezaseis empresas e centros de coñecemento: Avincis, Telespazio, Alter, Bahía Software, Catec, Centum, Cielum by Dronfies, Cuatro Digital, Fuvex, Gradiant, Ingeniería InSitu, Instituto Tecnológico de Galicia, Lupeon, Pildolabs, UAV Works e Utingal; ademais do Consorcio Aeronáutico Gallego.

No espazo do Polo Aeroespacial mantivéronse encontros con representantes de empresas nacionais e internacionais, así como de diferentes organizacións públicas e privadas, que coñeceron con detalle a iniciativa e amosaron o seu interese en colaborar cos axentes do ecosistema galego.

Diferentes axentes do Polo Aeroespacial de Galicia participaron durante o evento en catro mesas redondas que tiveron lugar no Civil UAVs Initiative Theatre, que permitiron amosar todo o potencial e capacidades do ecosistema galego dos vehículos e sistemas non tripulados, expoñendo as tecnoloxías desenvolvidas e as súas diferentes aplicacións.

Ademais, empresas como Aerotools ou Primecor, que participaron no programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos empresariais do Polo Aeroespacial de Galicia, a Business Factory Aero; e centros de coñecemento como o Instituto Tecnolóxico de Galicia, foron protagonistas na área de exhibicións do Expodrónica Air Show, que se celebrou no aeródromo de Cuatro Vientos, onde realizaron demostracións de uso de tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados.

Consulta ao mercado

A Airspace Integration Week foi o escenario no que a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, anunciou o lanzamento dunha consulta preliminar ao mercado para desenvolver un novo programa de solucións que opte á liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (liña FID) do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Este chamamento ás empresas tecnolóxicas para coñecer os recursos dos que dispoñen para facer realidade estas novas solucións estivo precedida dunha consulta cos diferentes departamentos da Xunta de Galicia para identificar novos retos que poidan ser resoltos mediante o uso de vehículos e sistemas non tripulados.

O inventariado de áreas de interese paisaxístico, a inspección de estradas, a aplicación de vehículos non tripulados para uso forense e policial ou o seguimento de especies e hábitats no medio mariño no Parque Nacional das Illas Atlánticas son algunhas das novas solucións identificadas.

 

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.