• O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinala no Parlamento que os orzamentos para 2023 dedican 27 millóns de euros a seguir consolidando o Polo Aeroespacial de Galicia

    • Fai fincapé en seguir apostando por esta industria de alto valor engadido e con capacidade para xerar pegada industrial e pon en valor os novos acordos con Airbus, Babcock e Telespazio

    • Subliña que o obxectivo é alcanzar un investimento público-privado de 540 millóns de euros se se captan novos fondos europeos a través do Perte Aeroespacial

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.– O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovacion, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que Galicia é xa unha referencia nos vehículos non tripulados, con 70 compañías que xa se dedican ao sector aeronáutico. Conde, que lembrou que a Xunta leva cinco anos traballando neste eido xunto coas empresas e outras administracións, impulsando a colaboración público-privada e a compra pública de innovación, subliñou que na primeira etapa do Polo Aeroespacial de Galicia xa se mobilizaron 164 millóns de euros.

Ademais, aceleráronse 24 empresas a través da Business Factory Aero; e implicouse a máis de 900 profesionais e 50 empresas e centros de coñecemento; desenvolvendo tamén 62 solucións innovadoras que están xa no mercado. Nesta nova etapa, asinaranse convenios con Airbus, Babcock e Telespazio, que dan continuidade ao traballo xa desenvolvido tamén con Indra e Boeing. O obxectivo a través destes acordos é alcanzar un investimento público-privado de 320 millóns de euros ata 2026 para seguir consolidando un sector que xa é unha realidade en Galicia.

O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que nos Orzamentos da Xunta se dedican máis de 27 millóns de euros para seguir implementando o Polo Aeroespacial de Galicia. Tamén lembrou que, segundo datos da Unión Europea, espérase que o sector aeronáutico alcance unha actividade económica vinculada aos vehículos non tripulados de 10.000 millóns de euros ao ano e uns 100.00 empregos en 2035.

O vicepresidente económico resaltou que Galicia ten capacidades instaladas, e que cómpre apostar por esta industria de alto valor engadido e con capacidade para xerar pegada industrial. O obxectivo é alcanzar un investimento público-privado de 540 millóns de euros se se captan novos fondos europeos a través do Perte Aeroespacial.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.