O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Santiago de Compostela un encontro con Patty Chang Chien, vicepresidenta de Boeing Research & Technology, co obxectivo de abordar o marco de colaboración con esta compañía

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro con Patty Chang Chien, vicepresidenta e directora xeral de Boeing Research & Technology e outros representantes da compañía co obxectivo de abordar o marco de colaboración que esta mantén co Polo Aeroespacial de Galicia.

Neste sentido, Conde agradeceu a colaboración que Boeing está desenvolvendo desde o ano 2019 como un dos socios tecnolóxicos que está permitindo desenvolver os diferentes programas, e sinalou que desde Galicia se está a traballar “para que no futuro Boeing poida permanecer e polo tanto se poida implicar nun proxecto que ten presentado”, e que, “a través dos fondos Next Generation poida ter a súa oportunidade”.

Como socio tecnolóxico e industrial da Xunta desde 2019, a colaboración de Boeing foi determinante para que hoxe o CIAR de Rozas dispoña dun simulador de continxencias e do equipamento máis avanzado en Europa para a simulación de voos con vehículos aéreos non tripulados, que foi o campo no que centrou as súas investigacións. Neste momento tamén se desenvolven outras iniciativas como a Aula Newton na Tecnópole, ou a colaboración que manteñen coa Escola de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade de Vigo.

O vicepresidente primeiro apuntou que “Boeing é especialista no eido global para garantir a xestión de tráfico de avións tripulados e non tripulados” e “hai unha oportunidade para que siga traballando en Galicia neste tipo de proxectos”. Conde incidiu en que “a súa colaboración está sendo imprescindible precisamente para consolidar tecnoloxía e para consolidar talento”, así como para seguir colaborando con pequenas e medianas empresas e centros tecnolóxicos galegos.

 

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.