• Precisa que este mesmo mes de xullo farase pública esta licitación cun orzamento de partida de 40 millóns de euros e coa previsión de firmar entre catro e oito acordos
  • Tras cinco anos desenvolvendo solucións para o sector público, afirma que o obxectivo desta nova fase estará encamiñado cara á busca de solucións a problemas globais como o cambio climático e a transición ecolóxica
  • Recorda que, a pesar do impacto que a pandemia tivo sobre o sector aeronáutico, a aviación non tripulada foi o sector galego onde máis empresas naceron durante a covid

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo pulo ao Polo aeroespacial de Galicia co inicio dos trámites para seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para os vindeiros cinco anos.

“Este mesmo mes de xullo faremos pública esta licitación cun orzamento de partida de 40 millóns de euros e coa previsión de firmar entre catro e oito acordos”, explicou durante a inauguración na Cidade da Cultura de Unvex 2021, a maior feira dedicada aos vehículos non tripulados que se celebra en España. Neste sentido, aseverou que este prego será un instrumento para canalizar o futuro financiamento dos fondos Next Generation, volvendo a innovar no mecanismo de colaboración público-privada e nas políticas de apoio á innovación.

Sobre este punto, recordou que Galicia lidera a compra pública innovadora en España, con proxectos en execución por importe de 250 millóns de euros na última década; e, no caso concreto do Polo aeroespacial, a compra pública innovadora favoreceu a implantación de grandes empresas e o crecemento de pemes do sector.

Nesta nova etapa, Feijóo subliñou que o impulso que se dará ao sector xirará arredor dunha prioridade: a creación e ampliación de mercados para as empresas galegas. “Esta nova licitación desenvolverá un novo modelo de colaboración entre o sector público e o privado, pero tamén entre os distintos tipos de empresas e centros de coñecemento para fomentar a incorporación das pemes ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras do sector aeoroespacial, así como coas universidades e outros centros de investigación xeradores de coñecemento”, precisou, incidindo en que a participación de empresas e centros de coñecemento seguirá a ser clave, como o foi no anterior período do polo.

Tras cinco anos desenvolvendo solucións para o sector público, o titular do Goberno galego afirmou que o obxectivo desta nova fase estará encamiñado cara á busca de solucións a problemas globais como o cambio climático e a transición ecolóxica. “Plantexaremos retos que afectan non só á Xunta, senón a practicamente todas as administracións en España e fóra”, recalcou, referíndose a retos que respondan a un amplo espectro de necesidades públicas relacionadas coas políticas marítimas, o desenvolvemento rural, a silvicultura, a atención a emerxencias ou a extinción de incendios, entre outros.

Uns retos que, segundo asegurou, se se conseguen solucionar mediante a tecnoloxía, posicionarán ás empresas participantes como líderes en distintos segmentos, reforzando a Galicia como o epicentro do sector dos vehículos aéreos non tripulados en España e en Europa.

Feijóo concluíu resaltando o poder de convocatoria de Unvex coa participación de máis de 70 empresas nacionais e internacionais e 120 relatores. “Estamos a falar da maior edición ata o momento, tanto por axenda de actividades como polas localizacións”, dixo, recordando que, a pesar do impacto que a pandemia tivo sobre o sector aeronáutico, a aviación non tripulada foi o sector galego onde máis empresas naceron durante a covid.

Cómpre salientar que nos seus primeiros cinco anos de vida, o Polo aeroespacial de Galicia mobilizou case dez veces máis do investimento previsto: 165 millóns a partir dun orzamento público de 58 millóns, coa implicación de máis de 50 pemes e centros de coñecemento galegos, ademais de tres compañías referentes no sector como Indra, Babcock e Boeing.

En canto ao nivel de proxectos, desenvolvéronse ata o momento un total de 655 solucións tecnolóxicas e produtos, dos cales 60 xa están no mercado. Entre todas estas iniciativas destacou: o maior dron non tripulado de uso civil en España; dúas embarcacións non tripuladas para mostraxes automáticas de augas mariñas; ou os helicópteros Lúa e Lumes orientados, fundamentalmente, á loita contra os lumes.

O presidente autonómico aproveitou o acto para felicitar a Babcock por recibir por parte de AESA a primeira autorización operacional en España para voar máis alá de liña de vista co Lúa, en contornos rurais, tanto voos diúrnos como nocturnos.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.