Galicia compartiu en Xponential 2023, evento de referencia celebrado en Denver, os avances en I+D aplicada aos vehículos non tripulados desenvolvidos na comunidade
O Polo Aeroespacial de Galicia xunto ao Consorcio Aeronáutico Galego, Centum, o Instituto Tecnológico de Galicia e Sense Aeronautics de Gradiant participaron como expositores
Tamén asistiron Telespazio Ibérica, socio estratéxico da Xunta na iniciativa; e Lupeon, Sixtema e Marine Instruments, axentes do ecosistema aeroespacial galego
Santiago de Compostela, 15 maio de 2023.- O sector aeronáutico e aeroespacial galego reforza a súa presenza no mercado estadounidense grazas á súa participación en Xponential 2023, un dos eventos de referencia internacional no segmento dos vehículos e sistemas non tripulados que se celebrou a semana pasada en Denver (Colorado, Estados Unidos).
Centum, o Instituto Tecnológico de Galicia, Sense Aeronautics de Gradiant e o Polo Aeroespacial de Galicia conxuntamente co Consorcio Aeronáutico Galego participaron como expositores no pavillón de España, promovido polo Icex. Tamén estiveron presentes en Xponential Lupeon, Sixtema e Marine Instruments, axentes do ecosistema aeroespacial galego; así como Telespazio Ibérica, socio da Xunta na iniciativa.
Durante a celebración de Xponential, máis de 270 profesionais e representantes institucionais visitaron o espazo expositivo galego, entre eles, unha delegación do Estado de Oklahoma; e o Polo Aeroespacial, o Consorcio Aeronáutico Gallego, Centum, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e Gradiant recibiron 120 demostracións de interese respecto dos seus produtos e servizos.
A delegación galega celebrou encontros con representantes de administracións e empresas nos que se presentaron os avances en I+D aplicada aos vehículos non tripulados desenvolvidos en Galicia e visitou espazos institucionais como os dos estados de Ohio, Colorado, Oklahoma, Nova York, Virxinia, Kansas, California, Arizona, Maryland ou Carolina do Norte. Os seus integrantes tamén tiveron a oportunidade de coñecer tecnoloxías de interese para o sector como pilas de combustible para propulsión, mobilidade de sistemas de alimentación eléctrica, sistemas de terminación de voo e simuladores.
No marco desta feira realizaron unha visita ás instalacións de Jeppesen, filial de Boeing Global Services, en Denver; e participaron nunha recepción conxunta no stand do Icex aos estados de Colorado, Oklahoma, Nova York e Arizona.
Un sector en crecemento
A industria aeronáutica galega, cun crecemento sostido nos últimos anos, emprega a 3.854 profesionais e obtivo uns resultados de 410,2 millóns de euros de ingresos de explotación, segundo datos das Contas Anuais do Sector Aeronáutico en Galicia 2015-2020 do Observatorio da Industria Aeroespacial.