• O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación participou por videoconferencia na inauguración desta infraestrutura situada na Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, que inclúe un simulador de voo
  • A Xunta solicita ao Goberno que inclúa o Polo Aeroespacial de Galicia na candidatura final que opte aos fondos europeos Next Generation para seguir consolidando a Comunidade como referente no ámbito dos avións non tripulados

 

Santiago de Compostela, 27 novembro de 2020.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe mediante videoconferencia na inauguración no campus de Ourense do Laboratorio de Boeing para o estudo de actividades aeroespaciais, que, tal e como salientou o conselleiro, será unha peza clave no desenvolvemento desta industria en Galicia.

Na súa intervención, Conde agradeceu a Boeing, un dos socios da Xunta no Polo Aeroespacial, pola súa participación activa que está contribuíndo a que Galicia se estea consolidando como referente no ámbito de avións non tripulados, con iniciativas como Galician SkyWay, centrada na busca de solucións tecnolóxicas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais, ou o banco de probas de voo. Do mesmo xeito, recoñeceu o labor que realizan centros como a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo na formación dos profesionais do futuro que necesita a industria aeroespacial.

Boeing e a Universidade de Vigo teñen en marcha un convenio de colaboración, dentro do cal se están desenvolvendo xornadas de difusión centradas en tecnoloxía aeroespacial, prácticas en empresas para alumnos da Escola, ou o Premio Boeing aos tres primeiros proxectos de Fin de Grao que hoxe se entregou.

O Polo Aeroespacial de Galicia é unha das 108 iniciativas que a Xunta xa presentou ao Goberno para optar aos fondos europeos de recuperación Next Generation, unha oportunidade para potenciar o traballo que empresas e centros de coñecemento galegos están realizando no campo dos vehículos aéreos non tripulados. Neste sentido, Conde lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia, no que se está traballando na folla de ruta a seguir durante o período 2021-2025,  conta na actualidade con empresas tractoras como Boeing, Indra e Babcock, e a participación de 50 empresas e centros de coñecemento e máis de 35 proxectos de I+D+i executados.

O Laboratorio de Boeing dispón cun simulador de voo de última xeración que os estudantes poderán utilizar en numerosas áreas de investigación como as dinámicas de voo, os sistemas de aviación e o control do tráfico aéreo.

Está formado por unha pantalla táctil multifunción que serve para manipular o panel de radio de voo, o piloto automático, a unidade de control do sistema de xestión de voo e o sistema de instrumentos electrónicos de voo, e que pode configurarse como cabina analóxica (motor de pistóns e turbopropulsores) ou “cabina de cristal”.

 

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.