• O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que esta nova infraestrutura para Rozas permitirá que Galicia “siga á vangarda e siga sendo pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías vinculadas aos vehículos non tripulados”
  • Licitarase en colaboración co CDTI e permitirá que as pemes galegas poidan desenvolver nova tecnoloxía
  • A iniciativa enmárcase no Polo Aeroespacial de Galicia, que xa é unha realidade, con 50 empresas desenvolvendo 35 proxectos de I+D+i, que suman 400 empregos

 

Lugo, 24 de xaneiro de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe que se vai realizar un investimento de 5 millóns de euros para dotar o Centro de Innovación Aerotransportada (CIAR) de Rozas dun simulador de xestión do tráfico aéreo. A nova iniciativa no Polo Aeroespacial de Galicia, que se desenvolverá a través da colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), permitirá, tal e como sinalou o conselleiro, que as pemes galegas “poidan desenvolver nova tecnoloxía e que Galicia siga á vangarda e siga sendo pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas vinculadas aos vehículos non tripulados”.

Conde participou en Madrid na xornada de presentación da Consulta Preliminar do Mercado sobre o reto tecnolóxico Entorno de simulación U-Space de Rozas, para dar a coñecer ás empresas o procedemento polo que se licitará a nova infraestrutura, a través da compra pública precomercial.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o futuro simulador permitirá dar “un paso máis pensando no futuro e en abrir novas oportunidades ás pemes e centros tecnolóxicos”, para que poidan participar nun novo programa e nova licitación que desenvolverá en Rozas un simulador que vai permitir xestionar o tráfico aéreo tripulado e non tripulado.

A iniciativa enmárcase no Polo Aeroespacial de Galicia, que supón un investimento público-privado de 165 millóns de euros e que, tal e como lembrou Francisco Conde, “xa é unha realidade, con 50 empresas desenvolvendo 35 proxectos de I+D+i, que suman 400 empregos”.

O concepto U-Space deséñase para dar solución aos novos paradigmas de transporte que xurdirán nas cidades nos próximos anos. As tecnoloxías e os prototipos a desenvolver en torno ao novo simulador deberán contribuír a avanzar no desenvolvemento dun marco regulatorio europeo e global que facilite as operacións rutinarias de vehículos aéreos non tripulados a baixa altura.

O conxunto de infraestruturas de simulación que se realizan permitirán a Rozas operar como infraestrutura de soporte ao desenvolvemento en paralelo da tecnoloxía e a regulación, á fin de ampliar o mercado de usos civís dos UAVs e acelerar a xeración de actividade económica e industrial deste sector.

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.