Son 21 experiencias formativas que se ofrecen ata xuño na primeira Aula Newton permanente en España e, polo momento, a única

Preto de 300 alumnos participaron entre outubro e decembro nas sesións de “Voando con números: unha aventura aérea” e de iniciación ao voo e construción de drons

Ourense, 5 de maio de 2022. Os centros de educación secundaria de Galicia amosaron un elevado interese por participar nas actividades da Aula Newton, localizada no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole (Ourense), o que propiciou que as 21 sesións previstas ata o mes de xuño teñan xa colgado o cartel de completo para o presente curso escolar.

A Aula Newton Galicia -promovida conxuntamente pola Xunta de Galicia, Boeing, a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia e Tecnópole- foi inaugurada o 19 de outubro de 2021 e no seu primeiro trimestre de actividade case 300 alumnos e alumnas gozaron da experiencia de aprendizaxe.

Trátase da primeira Aula Newton permanente en España e, polo momento, a única. É unha iniciativa de divulgación científica gratuíta dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO na que se ofrece formación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mediante dinámicas de grupo, de forma que os estudantes teñen acceso a equipos que lles permiten reflexionar, explorar, debater e colaborar en materias STEM.

A Aula está aberta os venres durante o curso escolar en horario de 10:00 a 14:15 horas e as actividades que se desenvolven durante estas máis de catro horas son dúas. A primeira delas é Voando con números: unha aventura aérea, na que o alumnado, axudado por un equipo de formadores e de instructores de voo, recibe unha misión de rescate e debe planificar e crear un plan de voo e cumplir a súa misión en simuladores avanzados; e a segunda é unha actividade complementaria de iniciación ao voo e construción de drons.

No primeiro trimestre de actividade da Aula Newton Galicia participaron nas sesións preto de 300 alumnos e alumnas de 9 centros de secundaria galegos. A satisfacción dos participantes foi moi elevada e, de acordo á valoración realizada ao remate da formación, o 100 % dos docentes e o 98,6 % dos estudantes recomendarían visitar este espazo a un compañeiro ou compañeira.

Experiencia pioneira en España

Este grande espazo de aprendizaxe permanente en ciencias, tecnoloxía e matemáticas inaugurouse no Parque Tecnolóxico de Galicia en outubro de 2021, xusto dous anos despois de que unha aula móbil Newton se estrease na cidade de Lugo por primeira vez en España.

O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, no que colabora Boeing, que á súa vez tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de xestión e seguridade do tráfico para espazos aéreos compartidos.

O concepto Newton

O concepto Newton foi desenvolvido e está xestionado por First Scandinavia, unha entidade sen ánimo de lucro, coa colaboración de profesores, institucións docentes e corporacións. A Aula Newton é un espazo ben equipado que se centra na educación en materias STEM de alta calidade co fin de inspirar ao alumnado.

 O obxectivo é que o maior número posible de nenos vivan unha experiencia agradable e gocen dunha sensación de dominio nas materias de ciencias. A formación é variada e céntrase en actividades prácticas. Creáronse máis de 40 Aulas Newton en Noruega, Dinamarca e Escocia, e o concepto despregouse a escala internacional coa colaboración de Boeing, sendo Tecnópole a primeira en España.
¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.