A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou o Polo Aeroespacial de Galicia ao alumnado do Máster Universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados

Castro de Rei (Lugo), 20 de abril de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou hoxe o Polo Aeroespacial de Galicia e as oportunidades que ofrece para o desenvolvemento profesional ao alumnado deste Máster, que a Xunta vén apoiando desde a súa posta en marcha no curso 2018-2019, nunha ponencia que tivo lugar no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), á que tamén asistiron estudantes do grao de Robótica do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia reforza o seu compromiso co Máster en Sistemas Aéreos Non tripulados da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo, consolidando así o seu apoio á formación especializada no eido aeronáutico e aeroespacial co obxectivo de impulsar a competitividade do sector en Galicia a través do talento. Este é, xunto coa tecnoloxía, os mercados e a regulación, un dos piares estratéxicos da planificación do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2026. A iniciativa tense consolidado como un dos principais proxectos transxeracionais da Xunta de Galicia e os seus obxectivos a longo prazo están focalizados no emprego do futuro.

A Xunta continuará investindo para atraer e reter o mellor talento de Galicia cara carreiras técnicas e empregos de calidade e alta cualificación, desde as etapas máis temperás ata a Universidade, pasando pola Formación Profesional.

O Máster Universitario en Sistemas Aéreos non Tripulados é un dos dous másteres oficiais ofertados en España sobre Sistemas Aéreos Non Tripulados e o único que inclúe formación básica de piloto de drons. Proporciona un título de alta especialización para estudantes universitarios e inclúe dúas vertentes: unha centrada na enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados, que lidera a Universidade de Vigo; e outra enfocada nas súas aplicacións, que lidera a Universidade de Santiago de Compostela.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.