• O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá mediante videoconferencia na posta en marcha da nova convocatoria
  • Subliñou a necesidade de apostar por proxectos que sumen valor engadido, gañando así en competitividade e fomentando un ecosistema emprendedor
  • Esta edición realizase en paralelo á consulta pública realizada para trazar a folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia para o período 2021-2025

 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá mediante videoconferencia na posta en marcha da terceira edición da Business Factory Aero, a aceleradora do sector aeronáutico e de vehículos non tripulados enmarcada no Polo Aeroespacial de Galicia.

Con esta convocatoria, asegurou Conde, ratifícase a Galicia e a Lugo como epicentros da innovación e do emprendemento no sector aeroespacial, cunha aposta decidida polo talento e pola innovación.

O titular de Economía, Emprego e Industria puxo en valor a importancia da colaboración público-privada neste tipo de proxectos, e subliñou a necesidade de apostar por iniciativas que sumen valor engadido, asegurando a competitividade, fomentando un ecosistema emprendedor e atraendo novos investimentos. Así, chamou a apoiar sectores emerxentes como o aeroespacial para contribuír á recuperación económica de Galicia e do seu tecido empresarial tralo impacto da covid-19.

Neste senso, o conselleiro lembrou que a Xunta continúa a incentivar esta industria coa consulta pública realizada en paralelo á terceira convocatoria, e que servirá de folla de ruta para o Polo Aeroespacial de Galicia para o período 2021-2025, cunha mobilización de 160 millóns de euros.

O obxectivo, remarcou Conde, é facilitar que Galicia asuma o liderado no sector dos vehículos aéreos non tripulados, contribuíndo así a unha transformación tecnolóxica do tecido industrial, a un empuxe á innovación sectorial, a un maior crecemento económico e á xeración de novas oportunidades laborais.

A terceira edición da BFAero adaptase á nova realidade, incentivando proxectos destinados á loita contra a covid-19. En total, seleccionaranse 7 proxectos (tres en incubación e 4 en aceleración) que disporán de servizos de titoría e mentorización, acceso ás instalacións do aeródromo de Rozas e aos equipos da Civil UAVs Initiative e asesoramento tecnolóxico de empresas tractoras líderes do sector como Indra e Babcock, ademais da posibilidade de realizar coworking e recibir formación plena. A convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 22 de outubro.

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.