• Na Unidade Mixta de Investigación Airus, presentada hoxe na Coruña, participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional tecnolóxica Everis, e ten como obxectivo contribuír á xestión eficiente e segura no espazo aéreo
  • Esta UMI vén reforzar a aposta por esta industria en Galicia que se concreta no Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento previsto de 164 millóns de euros e que dá emprego xa a 400 persoas en máis de 35 proxectos
  • Desde 2014 téñense apoiado 39 Unidades Mixtas, un instrumento de cooperación público-privada que permite combinar a experiencia empresarial co coñecemento dos centros de investigación e gañar competitividade

 

A Coruña, 22 de xaneiro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá na presentación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Airus (Automatic Intelligent SeRvices for U-Space), promovida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional tecnolóxica Everis Aeroespacial, Defensa e Seguridade (everis ADS), a contribución desta UMI ao sector aeroespacial, no ámbito da xestión do tráfico de sistemas non tripulados. Co obxectivo de facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo, esta UMI traballará en permitir xestionar novos plans de voo, delimitar o espazo de desprazamento fixando áreas restrinxidas, facilitar a desconxestión estratéxica para evitar a saturación do espazo aéreo e contribuír ao seguimento e monitoraxe dos drons e obstáculos que poidan interromper o curso doutros vehículos.

Cun investimento de preto de 2,2 millóns de euros, cofinanciado nun 30% pola Xunta de Galicia a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, AIRUS servirá para reforzar a aposta de Galicia polo sector aeroespacial que se materializa no Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento público-privado total de 164 millóns de euros e no que están a traballar 400 persoas en máis de 35 proxectos que están a desenvolver 50 axentes. Argerey anunciou que esta iniciativa se verá reforzada este ano cun investimento de 15,5 millóns de euros nos Orzamentos 2020 da Xunta de Galicia. Asemade, estase a traballar xa na continuidade da iniciativa a través dun novo proxecto que se presentará este venres no Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en Madrid e que está vencellado co U-Space, o sistema de xestión do tráfico de vehículos non tripulados propio da Unión Europea.

A directora de Gain apuntou ademais que o Polo Aeroespacial de Galicia está permitindo ofrecer respostas ás necesidades públicas a través de sistemas aéreos non tripulados (UAV), dando oportunidades para atraer cara Galicia a investigación excelente arredor da multitude de retos tecnolóxicos que hai arredor do U-Space e posicionando o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) á vangarda tecnolóxica de Europa polas súas capacidades e infraestrutura.

Unidades Mixtas de Investigación, modelo de cooperación público-privada

As Unidades Mixtas de Investigación, un instrumento de cooperación público-privado impulsado en 2014 pola Xunta de Galicia, permiten, en palabras de Patricia Argerey, combinar a experiencia empresarial co coñecemento dos centros de investigación e aplicalo para gañar competitividade en cadanseu sector, así como un instrumento perfecto de transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Argerey informou de que Galicia é unha comunidade pioneira na posta en marcha deste instrumento, que constitúe un referente á hora de ofrecer solucións innovadoras adaptadas ás demandas empresariais.

Desde 2014 a Xunta ten apoiado 39 Unidades Mixtas de Investigación, que dan emprego a preto de 580 profesionais, mobilizando un investimento público-privado de 114 millóns de euros e implicando a 13 centros de coñecemento galegos e 33 empresas. Este instrumento de apoio terá continuidade neste 2020 coa próxima publicación de sendas convocatorias de axudas dirixidas á creación de novas Unidades Mixtas, dotada con 2 millóns de euros, e á consolidación das existentes, con 3 millóns de euros.

Colaboración ITG-Everis

A directora de Gain destacou o compromiso do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) co desenvolvemento da I+D no sector aeroespacial, a través da participación noutra Unidade Mixta de Investigación (Fastfly, Full Autonomous Systems for UAVS, xunto á empresa Star Defence), desenvolvendo proxectos en colaboración coas principais entidades deste sector, participando en consorcios a nivel estatal como a Rede Cervera e europeo e fomentando as vocacións científicas a través da liga intercolexial de drons (ITG Maker Drone). Pola súa banda, Argerey destacou a experiencia de Everis Aeroespacial e Defensa, empresa líder en sistemas para a xestión do tráfico aéreo.

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.