A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nunha mesa redonda sobre liñas de financiamento

Destacou a oportunidade que supón a nova licitación coa que a Xunta incorporará novas solucións con vehículos non tripulados ás emerxencias sanitarias e sociais e á xestión forestal e dos recursos mariños, cun investimento de 6,5 M€

Anunciou a próxima convocatoria da 4ª edición da Business Factory Aero (BFAero)

Madrid, 11 de maio de 2022. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou hoxe o Polo Aeroespacial de Galicia en DRONEXpo, encontro de referencia do segmento dos sistemas non tripulados celebrado en Madrid, nunha mesa redonda sobre liñas de financiamento de proxectos e estratexias.

Na súa intervención, a directora puxo en valor as oportunidades que supón esta iniciativa estratéxica promovida pola Xunta de Galicia -a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación- para as empresas e centros de coñecemento. Destacou a nova licitación para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras para a mellora dos servizos públicos de emerxencias e sociais e de xestión forestal e dos recursos mariños, cun investimento de 6,5 M€ e prazo aberto ata o 30 de maio.

Ademais anunciou a próxima convocatoria da cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora e incubadora do Polo Aeroespacial de Galicia, que como novidade incorpora unha fase para a consolidación de empresas.

Ademais, destacou as capacidades do Polo Aeroespacial de Galicia así como das empresas e centros de coñecemento galegos para o desenvolvemento de proxectos do sector aeroespacial e, de forma específica, do segmento dos vehículos non tripulados. A directora sinalou que o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), xestionado pola Xunta e polo Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), é unha infraestrutura pioneira cun equipamento de vangarda para a experimentación e investigación con vehículos non tripulados e explicou que se complementa cun parque tecnolóxico e industrial orientado a fortalecer o tecido empresarial, un emprazamento idóneo para o asentamento de empresas do sector.

Argerey lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia xa mobilizou un investimento de 164 M€; executou 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos aéreos non tripulados; contou co traballo de 937 profesionais de toda España; propiciou a creación de cinco novas empresas en Galicia; puxo en marcha unha Business Factory Aero na que xa se incubaron ou aceleraron 19 proxectos empresariais; e identificáronse 655 solucións tecnolóxicas, produtos ou procesos, dos que 62 son solucións e produtos que xa están no mercado.

Colaboración                  

DRONExpo é un dos encontros de referencia para os profesionais dos drons e as súas aplicacións, deseñado a medida da industria española e integrando os diferentes subsectores. No evento preséntanse as novidades do sector e supón tamén un punto de contacto entre empresas e administracións para promover proxectos conxuntos e estar á vangarda da información dos sistemas non tripulados.

O Polo Aeroespacial de Galicia participa nesta edición como entidade colaboradora deste foro profesional dos sistemas non tripulados en España. Como tal, está cooperando no desenvolvemento da Sala de Conferencias de DRONExpo, onde se celebran diferentes mesas redondas nas que se están a abordar temáticas relativas a liñas de financiamento de proxectos e estratexias, desenvolvementos tecnolóxicos aplicados a drons, Urban Air Mobility, normativa e cuestións xurídico-prácticas no segmento dos drons ou usos públicos de sistemas dron e antidrón.

Estratexia 2025

Galicia xa ten en execución 84 M€ de fondos públicos no Polo Aeroespacial de Galicia dentro da nova estratexia aprobada o ano pasado e que aspira a mobilizar un total de 540 M€ ata 2025 entre investimentos públicos e privados se finalmente fose seleccionada polo Goberno no reparto dos fondos europeos Next Generation. Así, estase contribuíndo ao desenvolvemento industrial da Comunidade, ao fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras e á creación de emprego de calidade.

 

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.