Os obxectivos do proxecto son impulsar a I+D+i neste sector na Eurorrexión, a creación dunha rede transfronteiriza de cooperación e a implantación dunha serie de demostradores que faciliten a transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo

Liderado pola Universidade de Vigo e dotado con 2 millóns de euros, participan 12 socios entre universidades, centros tecnolóxicos e administracións

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023.- A Axencia Galega de Innovación (Gain) acolleu a presentación do proxecto Aeroganp, cofinanciado con fondos Feder do programa Interreg España-Portugal POCTEP. Dotado con dous millóns de euros, o seu obxectivo é impulsar a investigación nun sector estratéxico, o aeroespacial, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O consorcio está formado por 12 socios, liderados polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) da Universidade de Vigo, as tres universidades galegas xunto coas de Minho e Porto en Portugal, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, INESCTEC ou CEIIA, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e o Consorcio Aeronáutico de Galicia, que aúna a numerosas empresas do sector.

Na xornada tamén se lanzaron catro programas pilotos tecnolóxicos que se desenvolverán no marco do proxecto. Nos obradoiros de presentación destes pilotos, expuxéronse os traballos e resultados agardados e pediuse a participación das pemes interesadas tanto en compartir as súas necesidades, para que poidan ser afrontadas nestes pilotos, como en testar os desenvolvementos resultantes.

Aeroganp foi impulsado no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta para o sector aeroespacial no segmento dos sistemas e vehículos non tripulados. O punto de partida foi a visita da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N) ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas, en Castro de Rei (Lugo), unha infraestrutura única para os axentes do sector polas súas instalacións e pola tecnoloxía e as condicións para a investigación e o desenvolvemento de proxectos e solucións que sitúa a Galicia á vangarda do sector en Europa.

A rexión posúe un gran potencial neste campo. Universidades da zona, como a Universidade de Vigo e a Universidade do Minho, contan con titulacións de enxeñería aeroespacial nos seus campus respectivos de Ourense e Guimarães e xa tiñan experiencias previas de colaboración en investigación e innovación. Doutra banda, a recente creación do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) marcou un punto crucial na actividade de investigación no campus de Ourense neste sector. Esta actividade académica sumouse a investimentos públicos como a aposta da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta co Polo Aeroespacial de Galicia. Estas actividades, xunto con outras desenvolvidas por diversos centros tecnolóxicos, constitúen a base para o desenvolvemento do proxecto.

Un dos obxectivos principais de Aeroganp é a creación dunha rede transfronteiriza de cooperación na Eurorrexión, reunindo aos principais actores interesados no sector espacial para promover a investigación e a innovación. Tamén busca implantar unha serie de demostradores que operen en ambos os lados da fronteira, facilitando a transferencia de tecnoloxía aeroespacial á sociedade. Así mesmo, aspira a contribuír de xeito significativo ao desenvolvemento e mellora das capacidades de investigación, innovación e transferencia tecnolóxica aeroespacial ao sector produtivo.

Espérase que os impactos do proxecto Aeroganp sexan significativos na Eurorrexión Galicia-Nortede Portugal. Fortalecerá a cooperación transfronteiriza no sector aeroespacial, promovendo a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. Ademais, aumentará a transferencia de coñecemento desde a investigación básica no ámbito aeroespacial cara ás empresas circundantes. Así mesmo, contribuirá ao crecemento de investigadores e tecnólogos altamente especializados alcanzando a masa crítica necesaria para liderar proxectos de gran envergadura. Tamén potenciará o ecosistema de investigación, innovación e desenvolvemento como un atractivo para investimentos na rexión, fomentando o desenvolvemento económico e a retención do coñecemento tecnolóxico.

O cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ao 75% dentro do programa POCTEP foi crucial para a realización das actividades planificadas, incluíndo o desenvolvemento dos demostradores, a creación da rede de cooperación e a investigación innovadora. Coas sinerxías xeradas, é posible que xurdan novos proxectos de cooperación no futuro. A creación dun ecosistema de investigación e innovación no sector aeroespacial pode atraer investimentos adicionais e fomentar colaboracións continuas, fortalecendo a rexión como un hub aeroespacial en Europa. Polo tanto, as perspectivas de proxectos futuros son prometedoras.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.