O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas na entrega de premios da maior feira científica de Galicia, coa participación de máis de 4.800 persoas

San Cibrao das Viñas (Ourense), 12 de maio de 2023. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de premios de Galiciencia 2023, sinalando que esta iniciativa que se celebra no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas contribúe a espertar as vocacións científicas e impulsar o talento das novas xeracións.

Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, bate este ano récord de asistencia, con máis de 4.800 persoas participantes nas diferentes actividades, tanto presenciais como en liña. Nesta edición seleccionáronse un total de 106 proxectos promovidos por 243 alumnos e alumnas de 34 centros educativos de toda a comunidade. O reto desta edición está no sector aeroespacial e aeronáutico, un ámbito no que Galicia conta con grandes empresas do sector colaborando xunto con 70 pemes galegas e centros tecnolóxicos no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

O primeiro premio foi para un equipo do Colexio San Pablo VI- Fátima da Rúa, cunha simulación de ambiente favorable á vida para o traslado a outros planetas. O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio conseguiu o segundo premio cun proxecto de bolígrafos biodegradables. Ademais, o IES Menéndez Pidal da Coruña clasificouse en terceiro lugar cun mapa do ceo con constelacións táctiles.

E dentro das categorías especiais, o Premio Comunicación foi para un equipo do CPR Plurilingüe Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo; o Premio Innovación para estudantes do IES de Ortigueira; e o Premio Metodoloxía para o Colexio Miraflores do Pereiro de Aguiar. Na categoría de FP os galardoados son alumnos do CIFP Politécnico de Lugo, e no correspondente á temática da aeronáutica o galardón foi para un equipo do IES María Casares de Oleiros. Polo que respecta á igualdade de xénero o recoñecemento foi para o Colexio Plurilingüe San José- Josefinas de Ourense. Houbo ademais un premio especial para o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participaron online. Os gañadores son un equipo do IES Aquis Querquernis de Bande (Ourense) cunha iniciativa de bacterias fluorescentes.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.