• A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para informar sobre a folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026

  • Puxo en valor a sinatura dos novos contratos cos socios estratéxicos Airbus, Babcock e Telespazio, que desenvolverán desde Galicia 40 proxectos de I+D de alta tecnoloxía no eido dos drons

  • Destacou que unha das prioridades nos vindeiros anos é xerar pegada industrial ao redor deste sector, unha iniciativa de territorio que xa concentra en Galicia a 70 axentes de toda a cadea de valor dos sistemas non tripulados

  • Anunciou que desde onte está aberta unha nova licitación de Compra Pública de Innovación que dotará ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) dun laboratorio 5G e infraestruturas de ciberseguridade nas telecomunicacións

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, compareceu esta mañá na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia a petición propia para expoñer as principais liñas de acción da folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026, onde destacou que a Comunidade xa conseguiu liderar a nivel europeo a I+D en tecnoloxías de sistemas non tripulados, atraendo a cinco empresas de referencia como son Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing e Indra.

Neste sentido, engadiu que o obxectivo é transformar ese liderado en pegada industrial nesta iniciativa de territorio que xa concentra en diferentes municipios galegos a 70 empresas e centros de coñecemento de toda a cadea de valor dos sistemas non tripulados. Tamén destacou que Galicia estase a posicionar como unha rexión aeronáutica importante en España.

A directora anunciou durante a súa comparecencia que onte se publicou unha nova licitación do Polo Aeroespacial de Galicia para a contratación de sistemas e ferramentas 5G e ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), que estará aberta á presentación de propostas ata o 13 de decembro. Destinaranse 2M€ para implantar no CIAR un laboratorio 5G que permitirá ensaiar solucións para vehículos aéreos non tripulados baseado na conectividade desta tecnoloxía; e 1,98M€ para o desenvolvemento de sistemas de ciberseguridade que poidan ser empregados en futuros ensaios de aeronaves como parte do sistema de seguridade en voos.

Sinalou tamén que o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas leva Galicia á primeira liña de vangarda en infraestruturas e indicou que así o testemuñan proxectos europeos como AMU-LED e COMP4DRONES, que atraeron ao centro a 66 empresas e centros tecnolóxicos de máis de 15 países.

Argerey puxo en valor na súa intervención que Galicia conta cun sector sólido, que seguirá crecendo nos próximos anos. Indicou tamén que a recente sinatura dos contratos cos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia ata o ano 2026 é un dos principais fitos da nova folla de ruta e explicou que Airbus, Babcock e Telespazio darán continuidade ao traballo iniciado por outras compañías tamén referentes, como Indra e Boeing, e que a súa presenza suporá unha oportunidade sen precedentes para todas as empresas tecnolóxicas e industriais galegas.

Destacou ademais que o Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa cunha gran capacidade transformadora e que conta cunha estratexia de crecemento e consolidación con compromisos certos ata 2026; e valorou que as consellería do Mar, Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural xa están a utilizar sistemas non tripulados nas súas operativas diarias e que o impacto da incorporación destas solucións supón un antes e un despois na prestación dos servizos públicos.

 Galicia marcará a axenda

Tal e como informou a directora da Axencia Galega de Innovación, a Xunta está a traballar para que Galicia marque a axenda de futuro do segmento dos vehículos non tripulados con tecnoloxías e solucións que van supoñer grandes avances para a cidadanía e para todo o sector como unha plataforma pioneira que permitirá cubrir todo tipo de operacións civís cun mesmo dron, sistemas de reducido impacto ambiental, plataformas certificadas e, polo tanto, seguras para diferentes misións, tecnoloxías que servirán para impulsar o mercado dos sistemas non tripulados ou un sistema integral de observación e monitorización da biodiversidade a partir de datos capturados mediante sistemas non tripulados mariños e aéreos que será exportable para o seu uso por parte da comunidade científica, empresas e administracións de todo o mundo.

No relativo á selección de novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia explicou que os innovadores instrumentos desenvolvidos pola Xunta para a licitación de Compra Pública Precomercial permitiron incorporar financiamento adicional do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), como o devandito Plan Complementario de Biodiversidade.

No novo período estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia desenvolveranse 30 actuacións e 7 programas, a través da Compra Pública de Innovación, máximo expoñente da colaboración público-privada coa que a Xunta quere posicionarse na vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas e xerar crecemento económico e benestar para as xeracións actuais e futuras.

A directora sinalou o convencemento da Xunta de que Galicia ten experiencia, un proxecto sólido e acompañado polas principais compañías do sector e o talento de todo o ecosistema de centros tecnolóxicos e empresas que traballan na cadea de valor desta industria. Todos estes factores fan, segundo indicou, que Galicia estea no camiño axeitado para ser referente en España e en Europa na vangarda dun sector vital para o presente e futuro, que suporá centos de empregos cualificados e de calidade para as mozas e mozos galegos e que mellorará a eficacia dos servizos á cidadanía.

“O camiño percorrido ata hoxe penso que foi altamente produtivo e superou todas as expectativas e o que nos queda por diante é un reto profundamente ilusionante do que Galicia no seu conxunto pode e debe sentirse orgullosa”, indicou na súa intervención final.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.