• A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu á presentación do evento que se levará a cabo na Cidade da Cultura do 7 ao 9 de xullo co obxectivo de dar a coñecer o uso dos vehículos non tripulados nos servizos públicos que presta a Administración e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas

  • O Polo Aeroespacial e a súa Estratexia 2021-2015 servirán como mostra da aposta de Galicia nos últimos cinco anos por consolidar a industria baseada na I+D+i

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá ao acto de presentación da sexta edición de Unvex, a maior feira de drons que se celebra en España. A iniciativa levarase a cabo do 7 ao 9 de xullo na Cidade da Cultura co obxectivo de reunir aos profesionais do sector para abordar o crecemento da industria e analizar os principais desafíos para os próximos anos, poñendo especial atención no uso dos vehículos non tripulados nos servizos públicos que presta a Administración.

A este respecto, Argerey destacou que Galicia xa ten un amplo traballo avanzado, coa incorporación de drons na atención de urxencias sanitarias, protección da frota pesqueira, vixilancia e prevención dos lumes, xestión do territorio ou control da calidade das augas, por exemplo. Un avance que camiña en paralelo á liña que segue nestes momentos a industria, sendo cada vez máis os sectores que os utilizan –na súa vertente aérea, terrestre e naval– para mellorar a eficiencia de servizos públicos como a inspección de infraestruturas; control de evolución nos cultivos agrícolas; traballos audiovisuais e cartografía; ou servizos de emerxencias.

Unvex 2021 supón, tal e como sinalou a directora de Gain, un gran escaparate para os avances que se van producindo na industria galega, poñendo como exemplo a iniciativa pioneira en Europa do Polo Aeroespacial de Galicia, que xa ten garantida a súa continuidade coa Estratexia 2021-2025. De feito, xa están comprometidos por parte da Xunta preto de 70M€ e que, de obter fondos europeos, podería chegar a mobilizar 540M€ de investimento público-privado.

Con esta nova folla de ruta, Galicia márcase importantes obxectivos como atraer entre catro e seis empresas tractoras, desenvolver 20 novas solucións tecnolóxicas ou a creación de 24 empresas. Así, Argerey asegurou que a industria aeroespacial supón na actualidade un dos sectores estratéxicos na nova era dixital, polo que puxo en valor a colaboración entre administracións e, sobre todo, a implicación das empresas e centros de coñecemento.

Na actualidade, son 50 axentes os que toman parte no Polo Aeroespacial, entre os que se atopan tres socios tecnolóxicos da Xunta que actúan como empresas tractoras como son Indra, Babcock e Boeing; o tecido empresarial galego; e os centros tecnolóxicos e de investigación, así como as tres universidades galegas.

Coa convicción de que o Polo permitirá a Galicia consolidar a industria baseada na I+D+i, o proxecto enmarca tamén o parque tecnolóxico e industrial do aeródromo de Rozas e a aceleradora de empresas especializada no sector, a Business Factory Aero (BFAero), iniciativas que tamén contribúen a xerar novas oportunidades para captar e reter talento.

Os profesionais e empresas do sector que visiten Unvex, ademais de asistir ás conferencias programadas na Cidade da Cultura da man de profesionais e empresas punteiras, terán tamén a oportunidade de acudir a dúas demostracións de vehículos autónomos, marítimos e aéreos no Polo Aeroespacial de Galicia situado no aeródromo de Rozas (Castro de Rei) e na Escola Naval Militar de Marín.

 

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.