A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, expuxo as claves do Polo Aeroespacial de Galicia nunha xornada en Madrid organizada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA)

Lembra que desde Galicia se están a desenvolver tecnoloxías que serán clave para avanzar no marco regulatorio dos drons e que posicionan ao ecosistema galego na vangarda das solucións aos retos tecnolóxicos dos vehículos non tripulados

Madrid, 25 de xaneiro de 2023. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe nunha xornada sobre perspectivas, regulación e tecnoloxía no mercado dos sistemas non tripulados, organizada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) en Madrid, onde puxo en valor o papel protagonista do ecosistema aeroespacial galego no desenvolvemento de tecnoloxías que serán clave para avanzar no marco regulatorio e acadar drons máis autónomos e seguros.

Patricia Argerey expuxo o caso do Polo Aeroespacial de Galicia como referente no desenvolvemento de proxectos de I+D+i especializados no segmento dos vehículos non tripulados e na súa aplicación nos servizos públicos. Destacou que a Comunidade conta cunha cadea de valor sólida e estruturada que propicia o crecemento continuo do sector e engadiu que o Polo Aeroespacial se consolida como unha contorna única cunha visión intensiva, porque aumenta o número e o nivel dos axentes do ecosistema; e expansiva, porque grazas á chegada de novos socios estratéxicos diversifícase e fortalécese a cadea de valor.

Impacto tecnolóxico

Nos proxectos desenvolvidos no Polo Aeroespacial de Galicia identificáronse 655 resultados tecnolóxicos, dos cales 62 son produtos e solucións que xa están no mercado. Destacou, entre eles, unha embarcación non tripulada que pode realizar diferentes misións; o avión opcionalmente tripulado Targus, considerado o dron civil con maior capacidade de carga e autonomía do mercado español; o dispositivo Lifeseeker, que se miniaturizou para o seu uso en plataformas non tripuladas; os helicópteros non tripulados LUA e LUMES; un simulador de continxencias; ou antenas de longo alcance para optimizar o uso de drons no medio mariño.

Neste sentido, avanzou que no marco dos novos programas de I+D+i que están a desenvolver Airbus, Babcock e Telespazio na folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026 trabállase en 40 proxectos no eido dos sistemas non tripulados que permitirán desenvolver desde Galicia tecnoloxías que van ter un impacto significativo no desenvolvemento futuro dos drons, vinculados co voo autónomo, a conectividade intelixente ou a intelixencia artificial; así como plataformas non tripuladas adaptadas a diferentes tipos de misións e de reducido impacto ambiental.

Ademais, no marco destes programas Babcock e Telespazio concentran os seus esforzos no desenvolvemento de tecnoloxías e plataformas non tripuladas aplicadas á observación e monitorización da biodiversidade, entre as que se atopa unha pioneira infraestrutura dixital para a vixilancia global da biodiversidade que se probará en Galicia e, posteriormente, se porá ao servizo da comunidade científica, de empresas e Administracións.

Próximas actuacións

A directora da Axencia Galega de Innovación deu tamén a coñecer as próximas actuacións que se van desenvolver no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, entre as que destacou un programa de apoio á Compra Privada de Innovación no segmento dos vehículos non tripulados, no marco do financiamento obtido do programa Redes Territoriales de Especialización Tecnolóxica (Retech), que está enfocado á aplicación da intelixencia artificial nas industrias; e a convocatoria da quinta edición da Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da iniciativa.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.