A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañou hoxe no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas a representantes institucionais e técnicos de Eurocontrol, da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) nunha demostración de casos de uso dos simuladores U-Space

Estas infraestruturas, desenvolvidas por Boeing e Indra e financiadas polo CDTI, son únicas en Europa e están orientadas a minimizar os riscos e simular unha ampla variedade de escenarios antes de voar de forma física

Argerey reuniuse tamén coas 11 empresas que participan na cuarta edición da Business Factory Aero e visitou unha delas, Kreios Space, dedicada ao desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites

Castro de Rei (Lugo), 30 de maio de 2023 A Xunta de Galicia convida ás entidades europeas responsables da seguridade da navegación aérea a establecer colaboracións para acelerar o desenvolvemento tecnolóxico e regulamentario das operacións con vehículos aéreos non tripulados e así potenciar o desenvolvemento da industria europea no mercado mundial.

Representantes institucionais e técnicos de Eurocontrol (organización europea para a seguridade da navegación aérea), da Axencia Europea de Seguridade Aérea (European Union Aviation Safety Agency, EASA), e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) participaron hoxe nunha demostración de casos de uso dos simuladores U-Space do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha infraestrutura única na contorna europea.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou que os dous simuladores desenvolvidos por Boeing e Indra permiten situar a Galicia e a España na vangarda do desenvolvemento da tecnoloxía e das operacións seguras con vehículos non tripulados e puxo en valor que é o momento de que estas infraestruturas se teñan como referencia a nivel europeo para facer probas complexas e así incentivar o avance do sector e xerar novos mercados para as operacións seguras dos drons.

Os dous simuladores U-Space do CIAR foron desenvolvidos por Boeing e Indra, coa colaboración de 13 empresas, centros tecnolóxicos e entidades, no marco dun contrato de Compra Pública de Innovación financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), e fondos europeos Feder do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020; permiten mellorar a eficacia e seguridade das probas con tecnoloxías de aeronaves non tripuladas, minimizando os riscos na súa implementación e simulando unha ampla variedade de escenarios antes de proceder a realizar as actividades de voos de forma física.

Encontro con empresas da BFAero

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reuniuse hoxe coas 11 startups que participan na cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero) no marco dunha xornada de traballo que se celebrou na Fundación CEL Iniciativas por Lugo baixo o título Innovando para o futuro.

Cabe sinalar que a Fundación CEL vén de ser recoñecida como o mellor viveiro de empresas de España no último estudo da Fundación Cajas de Ahorro (Funcas) e a Fundación Rey Juan Carlos sobre os servizos que prestan os viveiros e aceleradoras de empresas en España 2023-2024; e que a Business Factory Aero se sitúa entre os dez mellores programas nacionais de servizos avanzados para startups.

Ademais, visitou a empresa Kreios Space que forma parte do itinerario de incubación da 4ª edición da BFAero, de orixe catalán pero que xa despregou boa parte do seu equipo en Galicia e que resultou seleccionada entre as 7 empresas finalistas do Spacetech Startup Competition do South Summit. O seu proxecto empresarial está centrado no desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites que operan en órbitas terrestres moi baixas (VLEO) co obxectivo de reducir custos e aumentar a resolución de imaxes ata 16 veces.

Desde o 26 de maio e ata o 19 de xullo está aberto o prazo de presentación de propostas para a quinta edición da BFAero, co que a Xunta busca captar 11 novos proxectos de alto impacto do sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados. Os proxectos seleccionados beneficiaranse dun completo programa de apoio que contempla a mentoría por empresas e profesionais do sector, formación especializada, acceso a infraestruturas, incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, espazo para desenvolver a súa actividade, acceso a investidores e apoio económico.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.