• Lembra que o Polo Aeroespacial de Galicia é un dos proxectos tractores que conforman a candidatura galega para optar a estas axudas europeas co obxectivo de seguir avanzando sobre tres piares: o tecnolóxico, o mercado e o marco regulatorio
  • Avanza que se afondará na cooperación con outras administracións e que se porá en marcha un programa de Compra Privada de Innovación
  • Adianta que seis proxectos baseados no uso de vehículos aéreos non tripulados xa están listos para implantar nos servizos públicos da Xunta

 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, amosou hoxe o seu desexo de que os fondos europeos de reconstrución Next Generation permitan afianzar os grandes proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia para os vindeiros cinco anos, que pasan por potenciar a I+D+i e crear tecido industrial ao redor deste sector.

Nunha xuntanza que mantivo co Comité de expertos da Civil UAVs Initiative —no que participan, entre outros, centros tecnolóxicos e empresas tractoras e de referencia neste eido—, Conde lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia é un dos proxectos tractores que conforman a candidatura galega para optar a estas axudas europeas co obxectivo de seguir avanzando sobre tres piares: o tecnolóxico, o mercado e o marco regulatorio.

Desde o punto de vista tecnolóxico, sinalou que, como novidade, se habilitarán novos instrumentos de financiamento para apoiar proxectos de investigación de universidades, centros de coñecemento e centros tecnolóxicos. Por outra banda, no que respecta á busca de novos mercados, apuntou que a Xunta vai continuar destinando recursos á Compra Pública Innovadora pero buscando, tamén, a cooperación con outras administracións e a iniciativa privada a través dun programa pioneiro de Compra Privada de Innovación.

Xa no relativo ao marco regulatorio (a partir da figura do sandbox regulatorio), adiantou que o obxectivo é facer de Rozas un lugar de referencia para testar novas tecnoloxías que permitan avanzar na regulación para o uso civil dos vehículos aéreos no tripulados. Ao respecto, destacou que en pouco tempo, o aeródromo contará cun contorno de simulación grazas á colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), e mais cun laboratorio 5G —a previsión é poder desenvolver ambas as dúas iniciativas nos dous vindeiros anos—.

Conde destacou que contar con esta tecnoloxía punteira permitirá que o Polo Aeroespacial de Galicia se converta nunha infraestrutura única polo seu tamaño, pola súa especialización, polo seu equipamento e pola súa capacidade de crecemento grazas ao parque industrial e tecnolóxico que xa está á disposición das empresas que se queiran implantar nestes terreos, como xa fixeron Indra e Babcock.

 

Mellora dos servizos públicos

O Polo Aeroespacial de Galicia xa mobilizou un investimento de 164M€, case 10 veces máis que o inicialmente previsto. Por agora executou 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos aéreos non tripulados e contou co traballo de 800 profesionais de toda España. Propiciou, tamén, a creación de cinco novas empresas en Galicia e, a través da aceleradora Business Factory Aero, xa se desenvolveron 19 proxectos empresariais. Xunto con isto, identificáronse 430 solucións tecnolóxicas, produtos ou procesos, dos que seis están preparados para o seu despegue inmediato nos servizos da Xunta de Galicia. Son servizos públicos como o control da calidade da auga, a produción de cartografía para a xestión do territorio, os servizos de protección de incendios ou o control de pragas forestais.

O vicepresidente económico concluíu subliñando a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa e agradeceu a implicación de todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que prestan o seu apio e colaboración para consolidar este proxecto pioneiro na industria aeroespacial do noso país.

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.