A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou o VI Congreso Internacional Aeroespacial (CIAG) en Ourense

Lorenzana puxo en valor que se trata dun sector que ten moito que aportar á industria galega en termos de innovación e de emprego cualificado

Sinala que a Xunta leva impulsado programas de apoio a este sector pioneiros no país e que agora están emulando outras comunidades autónomas

Anuncia que o Goberno galego ultima unha nova convocatoria de apoios para proxectos de Compras Privada de Innovación na que Galicia tamén será pioneira

Ourense, 14 de xuño de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe porque Galicia lidere en España unha nova política industrial vinculada ao sector da aeronáutica e a toda a industria do espazo e da defensa.

Lorenzana inaugurou en Ourense o VI Congreso Internacional Aeroespacial (CIAG) onde subliñou que “hai coñecemento, hai innovación, e hai empresas con moitísimo talento e moitas capacidades que están exportando a medio mundo”. No acto estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo.

Durante a súa intervención subliñou que ao longo destes anos “conseguimos converternos nun referente cando falamos de vehículos non tripulados” grazas aos proxectos que a Xunta leva anos desenvolvendo nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas” e sinalou que se trata dun sector que “ten moitas posibilidades e moito que aportar á industria galega”, en termos de innovación tecnolóxica, competitividade, diversificación e emprego cualificado.

A conselleira explicou que nos últimos oito anos que o Goberno galego leva prestado apoio á industria aeroespacial en Galicia, o obxectivo era promover a entrada de empresas galegas na cadea de valor dos grandes actores do sector e a creación de mercados públicos e privados para esas empresas. “Creo que conseguimos dar un bo impulso a través de programas que son pioneiros e novidosos en España que agora se están copiando noutras comunidades autónomas que nos permitiron traer a Galicia centros de traballo de empresas de referencia e que esas empresas invistan no tecido produtivo galego”, apuntou.

Lorenzana sinalou que ata 2028 a Xunta terá achegado 102M€ de recursos propios ao sector aeroespacial sen contar os novos fondos que poidan destinarse nos vindeiros anos. E, ao fío e con relación á compra pública e privada de innovación, de cara ao 2028 “teremos mobilizado un investimento total de 375M€ e por cada euros investido pola Xunta, 2,2 son para contratar a empresas galegas”, dixo.

Nova convocatoria de axudas

A titular de Economía e Industria subliñou que o Goberno galego non se vai conformar con ter posto en marcha instrumentos novidosos de apoio a este sector e que quere ir máis alá.

Neste marco, lembrou o papel da Oficina Económica do Igape que está a disposición de calquera empresa galega ou de fóra que se queira instalar “onde lle ofrecemos un acompañamento total de calquera necesidade ou de asesoramento administrativo para que sexa sinxelo vir a instalarse á nosa Comunidade”, dixo.

Ademais, a conselleira anunciou que no marco da estratexia industrial única e da política de aceleramento e amigable coa empresa focalizada en proxectos estratéxicos, a Xunta está a ultimar unha nova convocatoria “na que tamén seremos pioneiros”  para proxectos de Compra Privada de Innovación na que as empresas galegas do sector de los UAVs que presenten iniciativas de interese para empresas privadas de outros sectores, especialmente industriais, recibirán axudas da Xunta para executalos. “A nosa intención é abrir mercados privados a estas tecnoloxías e traballar sempre pensando no sector pero tamén nas sinerxías que se poden crear en toda a cadea de valor”, sinalou.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.