Presentáronse hoxe na Cidade das TIC os resultados desta Unidade Mixta de Investigación (UMI) Fastfly, que recibiu un apoio da Xunta de Galicia de máis dun millón de euros no período 2017-2023, co financiamento da Unión Europea a través de fondos Feder

As solucións desenvolvidas foron probadas en sectores como defensa, telecomunicacións, portos, loxística e inspección de infraestruturas

Enmárcase na aposta do executivo galego por este sector a través do Polo Aeroespacial de Galicia no que participan máis dun cento de axentes, preto de 1300 profesionais e ten mobilizado un investimento próximo aos 500 millóns de euros

A Coruña, 25 de outubro de 2023. A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación dos resultados da Unidade Mixta de Investigación Fastfly 2035 (Full Autonomous Systems for UAS), formada polo centro tecnolóxico Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) e a empresa Star Defence Logistics & Engeneering, no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC e que está apoiada pola Xunta de Galicia con máis dun millón de euros desde a súa creación no ano 2017, co financiamento da Unión Europea a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que foi a primeira UMI centrada no segmento dos vehículos aéreos non tripulados (UAV), nacida para atender a demanda de operar con maior seguridade e autonomía e colaborar na definición do novo marco regulatorio dos voos autónomos e a súa integración no espazo aéreo. Argerey sinalou que os desenvolvementos realizados no marco desta UMI contribúen a aumentar a seguridade e a autonomía dos UAVs en contornas complexas, longas distancias e máis aló da liña de visión do piloto, axudando a reforzar o posicionamento internacional do Polo Aeroespacial de Galicia pola súa alta especialización.

Na presentación informouse de que un dos eixes estratéxicos desta UMI foi a incorporación da Intelixencia Artificial (IA) aos voos con drons para avanzar na automatización, seguridade e integración destes no espazo aéreo e apuntaron que as solucións desenvolvidas foron probadas en sectores como o da defensa, as telecomunicacións, portos, loxística e inspección e mantemento de infraestruturas.

Neste sentido, a directora de Gain destacou o papel desta UMI na transferencia de tecnoloxía ao mercado, con varios fitos acadados como a solicitude de patente internacional para a tecnoloxía Drone in box, a introdución da tecnoloxía Fastfly en proxectos europeos ou o desenvolvemento dunha solución para xestionar a actividade diaria dos operadores de drons, Dronesuite.

Este instrumento, as Unidades Mixtas de Investigación, que apoia alianzas entre organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial para desenvolver actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia, ten apoiado 55 unidades, nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento cun investimento mobilizado de preto de 155 millóns de euros.

Pola súa banda, o Polo Aeroespacial de Galicia ten xerado un ecosistema consolidado formado por máis dun cento de axentes, participado preto de 1300 profesionais e mobilizado un investimento público-privado próximo aos 500 millóns de euros. Actualmente, está aberta unha Consulta Preliminar ao Mercado, ata o vindeiro 6 de novembro, para seguir avanzando na incorporación nos servizos públicos de tecnoloxías baseadas en vehículos non tripulados.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.