A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación do estado de desenvolvemento do proxecto Facendo Plus, liderado por Stellantis Vigo
Avanza que o obxectivo é “transformar, evolucionar unha iniciativa exclusivamente espacial e no ámbito civil a unha iniciativa que pode traccionar outras industrias, particularmente, da automoción e do naval”
Ratifica o apoio da Xunta ao sector da automoción, que “está pasando un momento complicado pero, tamén, de oportunidades”, di
Pide o compromiso de Stellantis para que compre aos provedores locais
Vigo, 30 de abril de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que na futura estratexia de Defensa e Seguridade na que está traballando a Xunta de Galicia vai haber moitas oportunidades para o sector galego da automoción.
Lorenzana participou na presentación do estado de desenvolvemento do proxecto Facendo Plus, liderado por Stellantis Vigo, onde explicou que o obxectivo desa estratexia, que será presentada nas vindeiras semanas e xira en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia, é “transformar, evolucionar unha iniciativa exclusivamente espacial e no ámbito civil a unha iniciativa que pode traccionar outras industrias, particularmente, da automoción e do naval”.
A conselleira quixo aproveitar para ratificar o compromiso da Xunta co sector da automoción que, segundo dixo, “está pasando un momento complicado pero, tamén, de oportunidades”. “Non hai ningún tipo de dúbida de que é un dos sectores estratéxicos, e ten que seguir séndoo e liderando a industria e a economía en Galicia, -dixo-; a iso estamos dedicando unha parte moi relevante dos nosos esforzos”. O apoio da Xunta, engadiu, “vai moito máis alá” do Plan director, que compromete 230 millóns de euros de investimentos ata 2027.
Segundo afirmou, para Stellantis, a fábrica de Vigo e todo o sistema de coñecemento e de empresas da comunidade ten “un valor extra que está exportando ao resto do grupo”, polo cal, pediu o seu compromiso, “que xa está a ter e vai seguir tendo -sinalou-, para que compre nas nosas fábricas, ás nosas pemes, ás nosas empresas”. “Isto vai de que todos fagamos a parte que nos corresponde, porque nun momento tan complicado corremos o risco de que a cadea de valor que construímos poida destruírse nalgún momento”, advertiu.
“A Xunta vai seguir apostando por tentar que os custos se abaraten, apoiando as empresas e a innovación”, subliñou. “Poder levar a marca Galicia Calidade polo mundo coa capacidade, coñecemento e desenvolvemento industrial que ten aquí a automoción para o Goberno é un orgullo”, concluíu.