A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe unha pregunta no Pleno do Parlamento

Explica que esta medida é parte da nova Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguridade e a Defensa

Apunta que, no seu primeiro ano de funcionamento, esta entidade leva máis de 22.600 consultas atendidas; o 85 por cento delas, resoltas no acto

A Oficina Económica de Galicia tamén dá apoio á antena do Igape en Miami, para asesorar as empresas na súas estratexias de exportación

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que nas vindeiras semanas entrará en funcionamento o novo servizo de asesoramento co que vai contar a Oficina Económica de Galicia especializado en proxectos de defensa e seguridade e no sector aeroespacial.

En resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento, Lorenzana explicou que esta medida é parte da nova Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguridade e a Defensa, que busca impulsar o sector aeroespacial ligado á defensa e á seguridade, e atraer cara a este segmento de actividade empresas de sectores estratéxicos en Galicia como son a automoción, o naval, o metalmecánico ou as TIC.

A conselleira asegurou que, no obxectivo de desburocratizar e ofrecer un acompañamento continuo e personalizado ás empresas, na Oficina Económica de Galicia traballan máis de cen profesionais expertos en áreas clave como financiamento, innovación, enerxía ou estratexia empresarial, pero tamén en novas temáticas, como pode ser o climate proofing  -para garantir que os proxectos de infraestruturas estean deseñados tendo en conta os impactos actuais e futuros do cambio climático.

Segundo precisou, no seu primeiro ano de funcionamento, esta entidade leva máis de 22.600 consultas atendidas; o 85 por cento delas, resoltas no acto. Tamén se celebraron máis de 1.000 reunións presenciais con empresas.

Como medida para facer fronte á nova política arancelaria dos EE.UU, lembrou, a Oficina Económica de Galicia tamén dá apoio á antena do Igape en Miami, para asesorar as empresas na súas estratexias de exportación e mesmo facilitarlles que poidan “abrir novas portas comerciais”, concluíu.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.